Thursday 02 de May de 2024

A Xunta subliña o valor do libro “Máis ala e máis arriba” de Vázquez Taín para afondar na orixe e na historia do Camiño de Santiago


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participaron hoxe na presentación da obra

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participaron hoxe na presentación do libro Máis alá e máis arriba. Historias dos primeiros peregrinos do Camiño de Santiago, do maxistrado e escritor Xosé Antonio Vázquez Taín.

Alfonso Rueda destacou a oportunidade de descubrir nesta obra a historia de séculos detrás do Camiño de Santiago, que ten que ver mesmo coa construción de Europa, e animou aos peregrinos que teñan previsto camiñar a Galicia neste Xacobeo 21-22 a descubrir a orixe deste fenómeno a través deste libro. Nesta liña, confía en que aos máis de 133.000 peregrinos que selaron a súa Compostela no que vai de ano e aos 140.000 que se prevé superar este ano xa no próximo mes, se sumen moitos máis en 2022 coa chegada dos peregrinos internacionais e ao longo desta Década Xacobea.

“Foi un acerto poñer ao Camiño como protagonista do libro”, subliñou o vicepresidente primeiro, “xa que son as diferentes rutas as que coñecen as historias e os secretos dos peregrinos que ao longo dos séculos fixeron o Camiño chamados polos seus atractivos”, asegurou Alfonso Rueda.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, celebrou que case un ano despois de presentar o título orixinal da obra en castelán, a publicación poda ser lida tamén en galego.

Román Rodríguez agradeceu de xeito especial ao autor o seu “excelente traballo por continuar divulgando os valores “de unión e integración” do Camiño de Santiago, así como por afondar na súa historia e no seu papel “máis necesario que nunca”, expresou. Cualificou a nova publicación como “unha peza fundamental para seguir facendo máis universal a cultura xacobea e nun imprescindible entre os estudosos da ruta”, indicou.